jueves, 26 de abril de 2007

Estatutos da CMVMC de Covas e Esmelle

ESTATUTOS QUE REGULAN O DISFRUTE E APROVEITAMENTO DO MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN DE “AS CABAZAS”, PARROQUIAS DE COBAS E ESMELLE, CONCELLO DE FERROL, PROVINCIA DA CORUÑA .
LEXISLACIÓN APLICABLE:
Lei 13/1989 de 10 de outubro, de montes veciñais en man común (D.O.G. 20/10/1989).
Decreto 260/1992, de 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da lei de montes veciñais (D.O.G. 23/09/1992).

ESTATUTOS QUE REGULAN O DISFRUTE E APROVEITAMENTO DO MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN “AS CABAZAS”, PARROQUIAS DE COBAS E ESMELLE, CONCELLO DE FERROL, PROVINCIA DA CORUÑA .
SUMARIO
CAPITULO I.- OBXECTO DOS ESTATUTOS
CAPITULO II.- DOS VECIÑOS COMUNEIROS
Adquisición e perda dos dereitos de veciño comuneiro.
Dereitos e obrigas dos veciños comuneiros.
CAPITULO III. ÓRGANOS DE GOBERNO E ADMINISTRACIÓN DA COMUNIDADE
A asemblea xeral.
A xunta rectora.
Responsabilidade dos órganos de goberno.
Impugnación dos acordos dos órganos de goberno.
Resume financieiro e xestión económica.
Defensa do monte.
CAPITULO IV. APROVEITAMENTOS E PARTICIPACIÓN NOS MONTES
Aproveitamentos directos e gratuítos.
Aproveitamentos con rendementos pecuniarios.
Aproveitamentos non pecuniarios nin directos e gratuítos.
Plans para o aproveitamento do monte.
Cargas, participación e efectivización das mesmas.
CAPITULO V. EXTINCIÓN DA COMUNIDADE
DISPOSICIÓNS FINAIS

CAPITULO I - OBXECTO DOS ESTATUTOS
ARTIGO 1.-
Os presentes estatutos teñen por obxecto regular, no marco do establecido pola Lei 13/1989 de Montes Veciñais en Man Común (D.0.G. nº 202 do 20/10/1989), e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992 (D.0.G. nº 186 de 23/09/1992), a organización, disfrute e aproveitamento do monte veciñal en man común “AS CABAZAS”, parroquias de COBAS-ESMELLE, Concello de Ferrolcualificado, calificado como tal por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña de data 30 de Novembro de 1981.
CAPITULO II - DOS VECIÑOS COMUNEIROS
ARTIGO 2.-
Ten a condición de veciño comuneiro aquela persoa titular de unidades económicas, con casa aberta e residencia habitual na entidade de poboación á que tradicionalmente está adscrito o aproveitamento dos montes; e que, veña exercendo, segundo os usos e costumes da comunidade, algunha actividade relacionada con aquelas.
ARTIGO 3.-
A condición de veciño comuneiro está ligada á casa familiar de modo que só se considerará un veciño por casa, salvo aqueles casos en que existan economías independentes, e así sexa apreciado pola maioría simple dos membros da comunidade.
ADQUISICIÓN E PERDA DOS DEREITOS DE VECIÑO COMUNEIRO.
ARTIGO 4-
0 recoñecemento da condición de veciño comuneiro corresponde á Asemblea Xeral. A comunidade levará un libro de rexistro cos nomes e apelidos, DNI e domicilio de tódolos veciños comuneiros, e data de inscrición.
ARTIGO 5.-
As persoas que no futuro desexen obte-la condición de veciño comuneiro, cos dereitos e obrigas inherentes á mesma, deberán solicitado á asemblea xeral, a cal determinará en cada caso conforme ó establecido nestes estatutos.
ARTIGO 6.-
Os membros de cada casa aberta designarán de entre eles quen deberá representala na asemblea xeral, así como, se é o caso, un suplente. No seu defecto deberá facelo quen asuma de feito a dirección da explotación familiar.
DEREITOS E OBRIGAS DOS VECIÑOS COMUNEIROS
ARTIGO 7.-
Os veciños comuneiros teñen dereito á participación no aproveitamento do monte na forma acordada pola asemblea xeral , á asistencia ás reunións da asemblea xeral con voz e voto nas mesmas, e a elixir ou ser elixido integrante da xunta rectora da comunidade.
ARTIGO 8.-
Tódolos comuneiros teñen a obriga do cumprimento das normas contidas nestes estatutos, da legalidade vixente, e dos acordos adoptados polos órganos da Comunidade dentro das súas competencias. Deberán asistir ás reunións as que sexan debidamente convocados, e ó desempeño dos cargos para os que sexan elixidos ou designados. Dentro das obrigas económicas, deberán participar no abono dos gastos orixinados pola explotación, conservación e mellora do monte, e a presta-la garantía debida polos créditos que sexan necesarios para financia-las necesidades e melloras acordadas para a explotación do monte, na contía e termos que se fixen.
ARTIGO 9.-
Os dereitos dun veciño comuneiro pérdense polas seguintes causas:
a) Deixar de cumprir algunha das condicións determinantes da cualidade de veciño comuneiro.
b) Por decisión da xunta rectora, aprobada pola asemblea xeral, por facer disposición e uso dos bens e froitos comúns de forma distinta á establecida polos órganos da comunidade, causar graves danos ós bens comúns, incumprir algunha obriga derivada da condición de comuneiro, deslealdade ou fraude para coa comunidade, e en xeral a realización de actos levados a cabo con dolo ou neglixencia culpable que causen prexuízo á comunidade, e iso sen prexuízo das responsabilidades a que houbera lugar no orden civil ou penal.
c) Por renuncia.voluntaria.
ARTIGO 10.-
A perda da condición de veciño comuneiro deberá ser por decisión da asemblea xeral, que tamén acordará a súa recuperación cando cesen as causas que a provocaron, non prexudicando ós causa habentes ou herdeiros que reúnan as circunstancias para obtela.


CAPITULO III - ÓRGANOS DE GOBERNO E ADMINISTRACION DA COMUNIDADE
A ASEMBLEA XERAL.
ARTIGO 11.-
A asemblea xeral, da que forman parte tódolos comuneiros é o órgano supremo de expresión da vontade da Comunidade veciñal
ARTIGO 12.-
Corresponde á asemblea xeral:
a) A elección da Xunta Rectora.
b) A ratificación dos acordos ou accións da xunta rectora ou a rectificación dos que impliquen prexuízos ou sexan contrarios ás decisións da asemblea.
c) A admisión de novos Comuneiros, a imposición de períodos de carencia e cotas de ingreso, no seu caso, ós aspirantes a veciños comuneiros, a perda total ou parcial de dereitos por parte dalgún veciño comuneiro, as baixas de veciños comuneiros.
d) Aproba-los orzamentos anuais, inversións de remanentes líquidos, obras sociais, melloras comunitarias, créditos, así como á distribución de aproveitamentos, beneficios e cargas.
e) Aproba-los actos de disposición do monte: Outorgamento de cesións, ocupacións e servidumes, dereitos de superficie, permutas, arrendamentos, así como toda clase de contratos con terceiros.
f) Aprobación dos plans de aproveitamento do monte.
g) Aproba-las posibles federacións, unións ou mancomunidades de montes veciñais.
h) A reforma ou revocación dos estatutos.
ARTIGO 13.-
A asemblea Xeral ordinaria será convocada unha vez ó ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do pechamento do exercicio económico.
ARTIGO 14.-
Con carácter extraordinario, poderase convoca-la asemblea Xeral por iniciativa do presidente da xunta rectora ou por petición dun mínimo do 20% dos comuneiros. Neste último caso a xunta rectora convocará asemblea xeral extraordinaria, que se celebrará no prazo máximo de dous meses. No suposto de que non se celebre, e por instancia dos veciños, reunirase asemblea xeral para toma-los acordos oportunos, incluíndo a remoción da xunta rectora, sempre que se respecten as maiorías que marca a lei.
ARTIGO 15.-
A convocatoria de Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación mediante notificación escrita a tódolos comuneiros e coa orde do día dos asuntos que se van tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a Comunidade. dita convocatoria sinalará o lugar onde cada veciño comuneiro poderá examina-la documentación dos asuntos que figuran na orde do día.
ARTIGO 16.-
Para asistir á asemblea xeral, un comuneiro poderá delega-la súa representación noutro comuneiro, sen que ningún poida asumir máis dunha delegación. En todo caso, a delegación deber ser expresa para cada Asemblea Xeral e por escrito.
ARTIGO 17.-
De cada reunión da asemblea xeral levantarase polo secretario da xunta rectora a correspondente acta, na que deber constar a decisión da maioría respecto a cada un dos puntos da orde do dia sometidos a votación, expresando o número de votos a favor ou en contra. Se algún asistente quere facer constar en acta a súa opinión, incluirase o seu nome e apelidos. Os acordos adoptados pola asemblea xeral obrigan a tódolos comuneiros.
ARTIGO 18.-
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados mais da 50% dos comuneiros, e en segunda convocatoria cando estean polo menos un 25% dos mesmos. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de dúas horas.
ARTIGO 19.-
Os acordos referidos a actos de disposición así como a aprobación reforma ou revocación dos estatutos require convocatoria expresa, e que o voto favorable da maioría dos presentes represente polo menos 50% do censo de comuneiros en primeira convocatoria e o 30% na segunda.
ARTIGO 20. –
Para a aprobación da xestión e balance do exercicio económico, aproveitamentos, e actos de administración en xeral, será suficiente a maioría simple.
A XUNTA RECTORA.
ARTIGO 21.-
O órgano de goberno, xestión e representación da comunidade é a xunta rectora, elixida por maioría simple en votación da asemblea xeral, por un prazo máximo de catro anos. Estará composta por un presidente e un máximo de 10 vocais, dos que un actuará como secretario e outro como tesoureiro.
ARTIGO 22.-
Son funcións da xunta rectora:
a) A execución das decisións da asemblea xeral.
b) A convocatoria das reunións da Asemblea xeral.
c) A presentación á asemblea xeral das propostas de novos veciños comuneiros. imposición de períodos de carencia, cotas de ingreso, sancións e separación dos veciños comuneiros, así como das baixas dos mesmos. Igualmente acreditar a condición de veciños comuneiros, mediante certificación da súa inclusión na relación de comuneiros.
d) A confección e presentación á asemblea xeral dos presupostos e balances.
e) Someterá a asemblea xeral os actos de disposición do monte.
f) Someterá a asemblea xeral os plans de aproveitamento do monte veciñal, así como contratar coas persoas privadas ou públicas que esixa a explotación do monte.
g) Tódolos outros asuntos que expresamente lle delegue a asemblea xeral.
ARTIGO 23.-
O Presidente da Xunta Rectora ostenta a representación legal da Comunidade, e deberá acreditar dita cualidade para realiza-los actos de disposición. O Secretario encargárase de realiza-las citacións, redacción das Actas das reunións, correspondencia, certificacións, e terá do seu cargo o Libro de Actas e o Libro Rexistro de comuneiros, así como a documentación da comunidade. 0 tesoureiro é o depositario dos caudais da comunidade, controlará as xestións económicas da mesma, e terá ó seu cargo o Libro de Contas. Os demais vocais terán as funcións que lles encomende a xunta rectora.
RESPONSABILIDADE DOS ÓRGANOS DE GOBERNO.
ARTIGO 24.-
A xunta rectora será responsable perante a asemblea xeral do cumprimento das funcións que lle encomenda a Lei de montes veciñais en man común, así como as sinaladas nos presentes estatutos, e de todas aquelas que lle encomende a asemblea xeral.
ARTIGO 25.-
A xunta rectora dará conta á asemblea xeral, na primeira sesión que se celebre, dos acordos adoptados.
ARTIGO 26.
A responsabilidade da xunta rectora será colexiada, a non ser que algún dos seus membros traspase os límites das facultades que lles foron conferidas e actúe a nivel persoal , sendo neste caso a responsabilidade individual.

IMPUGNACIÓN DOS ACORDOS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO
ARTIGO 27.-
Os acordos da xunta rectora ou da asemblea xeral que sexan contrarios á Lei de montes veciñais en man común, os que infrinxan os presentes estatutos, así como os non adecuados os intereses da propia comunidade, poderán ser recorridos por calquera veciño comuneiro perante a asemblea a cal poderá revocar calquera acordo tomado pola xunta rectora ou a propia asemblea xeral. Esgotado o citado recurso, poderase acudir a vía xudicial.
RESUME FINANCIEIRO E XESTIÓN ECONÓMICA.
ARTIGO 28.-
Para o desenrolo da comunidade e a consecución dos seus fins, esta nutrirase dos seguintes recursos:
a) Dos seus propios ingresos, provintes dos aproveitamentos pecuniarios de todo tipo.
b) De subvencións recibidas, da administración e organismos oficiais
c) De créditos concertados coa administración ou con entidades financeiras tanto oficiais como privadas.
d) De calquera outro recurso ou operación legalmente recoñecida que a comunidade acorde validamente.
ARTIGO 29.-
O Presidente, ou a persoa que o sustitúa, queda facultado para solicitar, formalizar, suscribir e cancelar préstamos, créditos, avales, contratos ou calquera outra operación financeira deste tipo, cando así o acorde a asemblea xeral, dentro dos límites establecidos pola Lei de montes veciñais en man común.
ARTIGO 30.-
Os fondos da comunidade estarán depositados en unha ou varias contas ou calquera outro tipo de depósito remunerado en entidades financeiras a nome da "COMUNIDADE DE MONTES EN MAN COMÚN DE COBAS E ESMELLE. destas contas ou depósitos poderase dispoñer coa firma conxunta do Presidente, e a do Secretario ou do Tesoureiro. Ditas persoas serán responsables ante a comunidade do bo uso e administración das ditas contas.
ARTIGO 31.-
Unha vez ó ano, na asemblea xeral ordinaria, presentarase á comunidade o estado financiero e económico da mesma, así como os xustificantes de ingresos e gastos, e demais documentación acreditativa que os comuneiros poidan solicitar. A xunta rectora deberá facilitar calquera tipo de información económica relativa á comunidade, mediante certificación expedida polo Secretario, cando así o solicitara por escrito calquera veciño comuneiro.

DEFENSA DO MONTE VECIÑAL.
ARTIGO 32.-
Calquera veciño comuneiro poderá defende-los intereses da comunidade de montes veciñais en man común, tendo que lle ser reintegrados os gastos que lle ocasione tal defensa, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola asemblea xeral.
CAPITULO IV - APROVEITAMENTO E PARTICIPACIÓN NOS MONTES
ARTIGO 33.-
0 aproveitamento e disfrute do monte correspóndelle en orixe exclusivamente a comunidade veciñal, e farase segundo as normas recollidas nestes estatutos e na Lei e Regulamento de montes veciñais en man común.
ARTIGO 34.-
Os aproveitamentos do monte poderán ser obxecto de gravame. neste caso a execución soamente poderá dirixirse contra os aproveitamentos ou as rendas que se puidesen derivar da súa cesión.
ARTIGO 35.-
A comunidade de veciños poderá acordar para usos gandeiros ou agrícolas que parte do monte se poida aproveitar de xeito individual mediante a distribución entre os veciños comuneiros de lotes, sortes ou tenzas cedidos temporalmente a título oneroso ou gratuíto e por períodos non superiores os 11 anos. Na asignación de lotes procurarase que os comuneiros que traballen conxuntamente baixo a fórmula de explotación comunitaria da terra teñan os lotes contiguos.
APROVEITAMENTOS DIRECTOS E GRATUÍTOS.
ARTIGO 36.-
Os aproveitamentos directos e gratuítos son aqueles que realicen os veciños de modo que os productos aproveitados redunden no seu beneficio particular ou familiar, sen proporcionar rendementos pecuniarios inmediatos.
ARTIGO 37.-
Considéranse aproveitamentos gratuítos os seguintes:
a) Pastoreo de gando propiedade dos membros da comunidade, xa sexa de forma individual ou colectiva.
b) Esquilmos, leñas caídas, mato, e pedras para uso propio.
c) A caza, cando non sexa aproveitamento con rendemento pecuniario.
d) As augas baldías, superficiais e subterráneas, coas imitación da Lei de augas vixente.
ARTIGO 38.-
Nos aproveitamentos directos e gratuítos a participación será a necesaria para satisface-las necesidades familiares e as da explotación agraria do titular. Se algún destes aproveitamentos chegara a escasear, a xunta rectora propoñerá á asemblea xeral o sistema de distribución e limitacións que considere mais idóneo para compaxinar a escaseza coas necesidades dos veciños.
APROVEITAMENTOS CON RENDEMENTOS PECUNIARIOS.
ARTIGO 39.-
Os aproveitamentos con rendemento pecuniario son os que se producen mediante a enaxenación do obxectivo do aproveitamento. Tales aproveitamentos estarán suxeitos a plans de aproveitamento racional do monte.
ARTIGO 40.-
Considéranse aproveitamentos con rendemento pecuniario os seguintes:
a) Venda de madeira e pastos.
b) Dereitos de superficie.
c) Canteiras, minas e outras actividades sobre os minerais do chan e solo.
d) Ingresos por cesións e expropiacións.
e) A caza, mediante arrendamento ou explotación directa, en caso de que se considere convinte e así sexa acordado pola comunidade en asemblea xeral.
f) Outros que podan establecerse.
ARTIGO 41.-
A comunidade poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións ata un prazo máximo de 30 anos, ou a cultivos agrícolas de 10 anos, pasando a ela sen ningunha indemnización ó caduca-lo dereito, a propiedade de todo o instalado, edificado ou colleitado. No caso de aproveitamentos forestais de arbolado non se poderán concertar prazos superiores ós correspondentes a unha única quenda de especie prantada, nin para outra clase de aproveitamento có da corta do arbolado prantado. Este dereito formalizarase en escritura pública, e se afectase so a unha parte do monte realizarase previamente a correspondente delimitación.
ARTIGO 42.-
A asemblea xeral, decidirá respecto ós beneficios líquidos obtidos do aproveitamento do monte nos seguintes termos:
Un 15% como mínimo, investirase en investimentos no propio monte, en melloras, protección, acceso e servicios derivados do uso social a que o monte poida estar destinado.
Un 30% como máximo, poderá repartirse en cantidades iguais para as dúas parroquias que compoñen a comunidade. O resto investirase en obras ou servicios comunitarios, con criterios de reparto proporcional entre os diversos lugares da comunidade
APROVEITAMENTOS NON PECUNIARIOS NIN DIRECTOS E GRATUÍTOS.
ARTIGO 43.-
Os aproveitamentos non pecuniarios nin directos e gratuítos son aqueles que para a súa concesión requiren o establecemento dunha empresa agropecuaria ou industrial que esixa aportación de capital, man de obra remunerada, organización, risco e dirección técnico empresarial, así como un proceso continuo de producción, con autonomía económica independente, e propia. A distribución dos beneficios dos aproveitamentos non pecuniarios nin directos e gratuítos regularase polos acordos que ó respecto tome a asemblea xeral.
PLANS PARA O APROVEITAMENTO DO MONTE.
ARTIGO 44.-
0 tipo de aproveitamento e a elaboración dos plans correspondentes axustaranse ó establecido na Lei de montes en man común e disposicións complementarias.
ARTIGO 45.-
0 monte explotarase preferentemente polos veciños comuneiros. Cando non poda cumplirse o anterior, a comunidade, a través da asemblea xeral, establecerá contratos ou acordos coas persoas, entidades ou organismos correspondentes, facultando para elo ó Presidente e á xunta rectora.
ARTIGO 46.-
Sen prexuízo do exposto no artigo anterior, a asemblea xeral tratará, cos pertinentes asesoramentos, sobre os seguintes aspectos:
a) Elaboración dun sinxelo estudio vocacional do monte.
b) Elaboración dun estudio técnico-económico de cada unha das opcións de explotación que poidan presentarse.
c) Estudio do financiamento, sinalando as distintas etapas que deben sucederse ata a explotación do monte na súa totalidade.
d) Decisión sobre a forma de aproveitamento do monte, explotación por tódolos veciños comuneiros, cesión, etc.
e) Nos casos de acordo cunha persoa, organismo, ou entidade, antes de concertar calquera contrato ou convenio, requirirase que se presente un proxecto no que se especifique claramente o plan de aproveitamento.
ARTIGO 47.-
A asemblea xeral poderá autorizar á xunta rectora para que efectúe no monte, ou parte del, un cambio de aproveitamento, sempre que este sexa directo e gratuíto. Para os cambios de aproveitamento con rendemento pecuniario, requerirase un plan técnico de mellora, onde se seguirán as prescricións contidas na Lei de montes veciñais en man común, e demais normas complementarias.
CARGAS, PARTICIPACIÓN E EFECTIVIZACIÓN DAS MESMAS.
ARTIGO 48.-
As cargas ou débedas que graven a propiedade do monte ou que se producirán como consecuencia da súa posta en explotación, deduciranse dos beneficios obtidos, se os houbera. Cando isto non sexa posible, a asemblea xeral arbitrará as medidas oportunas encamiñadas a sufragar tales compromisos, podendo chegar ó prorrateo entre os veciños comuneiros.
ARTIGO 49.-
Cando un comuneiro que non ven facendo aproveitamentos quixera comezalos, terá que facer fronte, se as houbese, ás cotas de amortización pendentes sobre as melloras realizadas no monte. Así mesmo, terá que abonar as cantidades que ata o momento tivesen que desembolsar os comuneiros para poñer en explotación o monte. O total de esas cantidades terá o nome de “cotas de ingreso". Ditas cotas poderán reintegrarse os comuneiros da comunidade se así o acorda a asemblea xeral, ou depositarse como fondo de reserva.
ARTIGO 50. –
Nos casos en que a asemblea xeral estime necesarias as prestacións persoais para realizar traballos no monte, tódolos veciños comuneiros están obrigados a realizalas. A xunta rectora poderá propoñer á asemblea xeral, no caso de negativa ou imposibilidade, a reclamación dunha indemnización equivalente ó xornal medio da comunidade previamente fixado.
ARTIGO 51.-
A asemblea xeral regulará, en cada caso, a forma e o momento de facer efectivas as cargas económicas e as prestacións persoais.
CAPITULO V EXTINCIÓN DA COMUNIDADE
ARTIGO 52.-
A comunidade extinguirase por calquera das seguintes causas:
a) Decisión legal que así o ordensubsidariamentease.
b) Renuncia de tódolos comuneiros.
c) Perda da propiedade do monte, calquera que fose a súa causa.
d) Deixar de existir veciños nos termos da comunidade.
ARTIGO 53.-
Se a comunidade deixara de existir por calquera causa, e non se reconstitúa, a defensa dos seus intereses correspondería á parroquia onde radique o monte, e subsidiariamente á Consellería de Medio Ambiente, que regularán en concepto de tutores provisorios o aproveitamento do monte en beneficio da comunidade parroquial, segundo o disposto nos artigos 20 e 27 da Lei de montes veciñais.
DISPOSICIÓNS FINAIS
1. Os presentes estatutos entrarán en vigor e serán de obligado cumprimento ó día seguinte da súa aprobación pola asemblea xeral de comuneiros, e derogan calquera outra norma de data anterior, a cal quedará sen efecto algún.
2. O non previsto nos mesmos rexerase pola Lei de montes veciñais en man común e o seu regulamento, e no seu defecto pola lexislación xeral.
3. Dos presentes estatutos facilitase unha copia a cada veciño comuneiro que o solicite, e remitirase unha copia, para os efectos de coñecemento, ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

No hay comentarios: